Evento terminado

Entradas para Nimiedades

Nimiedades

Información adicional

Nimiedades

Información del evento

Escoitánse uns pasos. Clac, clac, clac. Dúas figuras grises e de ombros caídos aparecen en escena. Levantan a mirada. Teñen as caras moi brancas. Parecen tristes? Bam! Vaise a luz. ...e volve. Alí no chan quedan dúas aletas de mergullo. Que foi o que pasou?

 

Nimiedades son 13 caixas de agasallo. 13 accións escénicas levadas a cabo por Helen Bertels e Mónica de Nut. Darán entrada a un universo feminino. A un mundo afastado e próximo á vez. Un mundo de adiviñanzas, paradoxos, choros e risas. Un mundo que dea forza e faga fuxir ao medo. Un universo circular no que a escuridade non é apartada e maldita, no que é permitido chorar tódolos días se fai falla e no que podemos facelo ridículo todo o que queiramos.

 

A vida éche coma un xogo. Avanzas resolvendo adiviñas. Ás veces as adiviñas poden chegar a obsesionar. Atormentan. Non te deixan durmir. Son mimosas, requiren a túa atención completa (ungeteilt), poden consumirte se non lles fas caso. Pódense converter en pantasmas grandes e escuras, sombras oupaxaros negros que nacen da noite e cun canto que é como un berro cheo de sufrimento e desexo (Sehnsucht) O círculo vaise pechando, as adiviñas vanse acertando, as dores vanse calmando, os orfos atopan fogares, o vello mestúrase co novo, anúnciase unha calma de centos de azuis diferentes. Os tormentos permítennos sentir. 

Diario de Nimiedades - Helen Bertels

 

Nimiedades é un espectáculo baseado no libro Diario de Nimiedades de Helen Bertels, que xira ao redor da idea de que a vida é un xogo e que se avanza resolvendo adiviñanzas. As dúas figuras que poboarán o escenario durante a noite de teatro á que acude @ espectador@, van atopando as adiviñanzas que lles pertencen e que formarán o camiño polo que se desprazan. Ou será que esas  adiviñanzas son d@s espectadores? As preguntas quizais as fagan esas figuras e pode incluso que agarden resposta... E o camiño, quen haberá no camiño?

 

Helen Bertels é  actriz, creadora, autora e artista alemá, estabelecida en Santiago de Compostela desde 1999. Durante máis de 10 anos tense dedicado case exclusivamente ás artes escénicas traballando e formándose na compañía Matarile Teatro, o Teatro Galán, o Festival Internacional En Pé de Pedra e o CECC (Centro díEstudis Cinematogràfics de Catalunya).Logo decide ampliar horizontes e diversificar a súa actividade artística priorizando o que quere expresar, que desde sempre tivo unha estreita relación co mundo da muller.

Entre os seus traballos en escena destacan Wir Frauen (espectáculo coproducido con La Tía Mardalina), AMOR (espectáculo que conta co acompañamento e apoio do ALTprocrea -programa do Festival ALT de Vigo- onde Helen Bertels é artista 2014), poemas para levar (acción na que le do seu libro Diario de Nimiedades a paseantes) e Nimiedades (13 accións escénicas nas que traballa con Monica de Nut e Marta Pérez).  Na actualidade está creando poemas visuais (series de collage de técnica mixta) en varios proxectos como autora, en Agasállame un día da túa vida (proxecto onde visita a mulleres para acompañalas durante un día e crear un retrato artístico delas), e en AMOR que é un espectáculo en continuo cambio.

 

Mónica de Nut é licenciada en canto pola Escuela Superior de Canto de Madrid, especialidade de Escena Lírica, titulada en canto no Conservatorio Profesional de Música de Vigo, diplomada en Maxisterio Musical pola Universidade de Vigo, estudou Jazz na Escola Estudio de Santiago de Compostela e no S.P.J de Pontevedra e canto tradicional galego na Etrad de Vigo e con Mercedes Peón. En danza formouse con Mónica García, Rut Balbís, Isabel Sánchez e Leodán Rodríguez.

Na súa traxectoria conta con tres discos publicados como solista (Mónica de nut trío no 2011, Dos Fios invisibles chegan as cores no 2014, Raíces Aéreas no 2016), concertos-performance en solitario con Voz Soa e No te Cortes coa ópera e colaboracións con agrupacións folk, jazz, música tradicional, contemporánea e montaxes de ópera e teatro. 

Premios:

2012 Mónica de nut trío - mellor traballo discográfico de jazz español segundo Distrito Jazz

2014 Premiada polo Festival Internacional de Arte de Sapporo, Xapón, pola interpretación da obra do compositor Karolis Biveinis Voicing (III parte), co Silver Award da man de Ryuichi Sakamoto. 

2014 Dos fíos invisibles Chegan as Cores, mellor proxecto musical na categoría de Músicas do Mundo nos Premios Martín Códax da Música Galega, e mellor disco de jazz español segundo Estrella Galicia Club 1906

2016 foi gañadora do María Casares de Teatro á mellor música escénica por Manawee da compañía Matrioshka. 

Actualmente colabora na gravación do vindeiro traballo discográfico da música galega Mercedes Peón que será presentado proximamente e está de xira de presentación do disco Banda Tosta, co repertorio centrado en músicas de culturas minoritarias celtas europeas, producido por Txalapart e Oreka TX.

 

 

 

A compañía Helen Bertels establecese no ano 2011 ca estrea do solo Wir Frauen, espectáculo coproducido con La Tía Mardalina. Despois da seguinte produción chamada AMOR (forma parte do proxecto Agasállame un día da túa vida e conta co acompañamento e apoio do ALTprocrea -programa do Festival ALT de Vigo- onde Helen Bertels é artista 2014) na que Helen Bertels tamén traballa en solitario, xorde Nimiedades (a partir do libro Diario de Nimiedades), que é unha peza interpretada e creada por Helen Bertels e Mónica de Nut, feita ca axuda de Marta Pérez (Inversa Teatro). 

NIMIEDADES un espectáculo de Helen Bertels

 

 

 

 

Dirección: Helen Bertels 

Interpretación e creación: Mónica de Nut e Helen Bertels 

Axudante de dirección: Marta Pérez, Paulina Funes 

Textos: Helen Bertels - Diario de Nimiedades

Música: Mónica de Nut 

Iluminación: Afonso Castro 

Produción: Helen Bertels, Manu Lago, Belém Brandido 

Foto e deseño gráfico: Martiño Picallo 

 

Colaboran: A Regadeira de Adela, Concello de Santiago de Compostela - CSC Santa Marta, Sala Ingrávida.

 

 

 

También podría interesarte...